Wednesday 01 de May de 2024

A Coruña acolle este domingo os Special Olympics Galicia de baloncesto para persoas con discapacidade intelectual


O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou o torneo promovido polo Concello e remarcou a importancia do deporte en materia de inclusión social

O Palacio dos Deportes de Riazor acollerá este domingo, 12 de novembro, a edición número 27 dos Xogos Autonómicos de Baloncesto para persoas con discapacidade intelectual, os Special Olympics Galicia. O Concello da Coruña, a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade, colabora na organización desta proba, que comezará ás 10.45 horas e desenvolverase durante a mañá e a tarde nun dos espazos deportivos máis emblemáticos da cidade.

Un total de 233 deportistas con discapacidade intelectual participarán este domingo nesta competición. En total, o encontro contará coa participación de 16 asociacións de toda Galicia, que comezarán a xornada desfilando no Palacio dos Deporte seguindo o cerimonial das Olimpíadas. Posteriormente, un deportista de Aspronaga lerá o lema dos atletas: “Quero gañar, mais se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”.

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presidiu esta mañá a presentación levada a cabo en María Pita, onde destacou a importancia do deporte e os seus valores para promover a inclusión social. “Na Coruña levamos tempo traballando con todos os colectivos sociais e afianzando lazos entre moitos deles e as entidades deportivas, con eventos singulares e accións concretas para favorecer a súa integración”, apuntou o edil.

Xunto a Gonzalo Castro, tamén estivo presente na rolda de prensa o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; e o deputado provincial Antonio Leira. Participaron tamén Nicanor Álvarez, presidente de Aspronaga, e tres deportistas da entidade: Sergio Barbeito, Eloy Nogueira e Roland Bitureira.
Durante o transcurso das actividades, os deportistas terán a oportunidade de votar a aquela entidade cuxos deportistas destaquen pola súa deportividade durante a xornada. A entidade máis valorada recibirá o Premio ás Boas Prácticas de Special Olympics Galicia.